viernes, 4 de junio de 2010

Museo do Pobo Galego




O Museo do Pobo Galego, xa dende a súa creación alá no 1976, ten coma obxectivo investigar, conservar, defender e mais divulgar a Cultura Galega en todos os seus ámbitos, mais fundamentalmente no eido da etnoloxía e a antropoloxía.

Ocupa este centro o antigo convento de Bonaval. En mans do Concello dende o século XIX, foi convertido en cuartel (prevíndose a demolición da eirexa) e, posteriormente, en hospicio e colexio de cegos e xordomudos; ao ser suprimidas estas institucións, o conxunto quedou desocupado ata o ano de 1936, en que se decidiu destinalo a museo municipal. En 1977, o Concello cédeo pra a creación do Museo do Pobo Galego (agás o solar occidental que, tras permaneceren baleiro durante décadas, é ocupado en 1993 polo Centro Galego de Arte Contemporánea).

A eirexa, única testemuña do gótico mendicante en Compostela, pertence igualmente ao museo coma parte visitábel do mesmo, acollendo esta o Panteón de Galegos Ilustres, no cal son organizados diversos actos cada Día da Patria.

O seu “punto forte” constitúeo a colección permanente. As distintas salas adícanse ao mar, aos oficios, ao rural, ao traxe, á música, á arquitectura “popular”, aos oficios e á prensa, isto é, á historia social galega, amais de teren seccións de arqueoloxía e arte; búscase continuamente ofrecer unha visión de síntese da cultura nacional, nas súas distintas facetas.

Ademais desta colección permanente, o museo ofrece asemade unha serie de exposicións temporais. Do mesmo xeito, o recinto do museo acolle presentacións de libros e a celebración tamén dunha serie de conferencias e actos culturais.

No eido da investigación, é salientábel a creación, en 2005, do Instituto de Estudos das Identidades, por parte do padroado do museo e coma un departamento do mesmo. Este órgano busca estabelecer liñas de investigación e intervención sociocultural nas áreas abranguidas polo museo con énfase no estudo da identidade galega e a interrelación desta con outras. Relacionado co IEI e, polo tanto, co museo, está a creación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.

Canto as publicacións do Museo do Pobo Galego, estas abranguen tanto a divulgación periódica (Cadernos, Manuais e Alicerces) coma a publicación das actas dos congresos e dos catálogos de exposición alí realizados, así coma publicacións científicas no campo da historia e a antropoloxía da Galiza e do seu feito diferencial.

Información

Horario

Martes-Sábado: 10-14h; 16-20h

Domingos e festivos: 11-14h

No hay comentarios:

Publicar un comentario