
Fundado en 1930, ten coma función recoller as testemuñas da historia da catedral compostelá e mais da peregrinación, o cal é tanto coma dicir “a historia de Santiago”. Tal e como hoxe concíbese o museo, visitalo suporía percorrer distintas zonas do complexo catedralicio, que podemos circunscribir fundamentalmente a dous: o claustro-tesouro e mais cripta.
Composta por catro plantas, toda a área que comprende o claustro e mailo tesouro supón a maior parte da visita. Estamos a falar de espazos coma a capela das reliquias, a sala capitular, a balconada da fachada do tesouro, o propio tesouro e mais o espazo claustral
As obras alí expostas significarán pra o visitante un achegamento á historia de catedral dende os seus comezos, dende as primeiras basílicas e os restos arqueolóxicos, ata o Románico, etapa dourada da catedral, así como a obra de Mateo, coa reconstrución do seu coro pétreo. De seguido, o visitante poderá contemplar a escultura dos séculos XIII a XVIII, percorrer o claustro renacentista, a biblioteca (onde se expón o botafumeiro, de indubidábel éxito turístico) e mais a sala capitular.
O percorrido por esta zoa remataría na planta superior, na que se expón a colección de tapices, incluída unha sala adicada a Goya (é este un dos aspectos nos que cómpre facer máis fincapé, pois, a pesares de non resultar tan coñecido pra o público en xeral, o Museo da Catedral custodia dende pezas romanas ata cartóns pra tapices de Rubens ou, como diciamos, Goya).
No tesouro cóntase con coleccións de ourivería, eboraria, cristalería e pezas litúrxicas; trala visita á capela das reliquias e mais o panteón real (onde se gardan os sepulcros dos reis de León e o Retábulo das Reliquias), chegaríamos á cripta; pola súa banda, a cripta é concibida coma o que é, unha obra de arte en si mesma. Coma parte do peche arquitectónico plantexado polo Mestre Mateo, introduce ao visitante na iconografía e a arquitectura do mesmo, fundamentalmente centrada no pórtico; alí expóñense, por tanto, a reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria e pezas escultóricas con el relacionadas, constituíndo ademais a primeira etapa da súa visita na actual etapa de estudo e restauración.
No museo, ademais da exposición permanente, ofrécense unha serie de exposicións temporais, tanto de produción propia coma en colaboracións con outras institucións. Estas exposicións teñen lugar normalmente nas salas do Pazo Xelmírez e algún exemplo témolo nas sucesivas exposicións da colección de tapices da catedral, moi relevante pero que, por cuestións museográficas, non ten cabida nas salas da exposición permanente.
Do mesmo xeito, as dependencias do museo póñense ao servizo da colaboración con outras institucións xa sexan públicas ou privadas, ofrecendo as súas salas pra concertos, conferencias, presentacións de libros, etc., relacionados dalgún xeito coa catedral e todo o que a envolveu co paso dos tempos.
Información:
Horario:
Do 1 de Outubro ao 31 de Maio: Luns-Sábado: 10-13,30h; 16-18,30h Domingos: 10-13,30h. Do 1 de Xuño ao 30 de Setembro: Luns-Sábado: 10-14h; 16-20h Domingos: 10-14h
No hay comentarios:
Publicar un comentario